A mediados do terceiro milenio A.C. migracións de pobos
continentais chegaron a Galicia traendo con eles a primeira
agricultura e a primeira metalurxia do cobre e do ouro. Manifestacións
destes primeiros asentamentos, no que hoxe é o municipio
de A Pobra do Brollón, son os túmulos megalíticos
(mámoas ou medorras) que se encontran repartidas por
todo o seu territorio, así pódense ver en: Vilachá,
Salcedo, Parada de Montes, Ferreiros, Castrosante (desfeita
fai uns catorce anos), Castroncelos, Canedo, Óutara.
Da cultura castreña (s. IX. A.C. ó
cambio de Era) non se encontran testemuños no concello,
a non seren que se atopen agochados nos niveis inferiores dos
castros galaico-romanos, abondosos como se verá. As investigacións
arqueolóxicas que algún día se fagan aclararán
estas dúbidas.
Ò rematar as guerras contra os pobos
do norte, César e despois Tiberio, reorganizan o territorio
de Galicia para adaptalo á explotación intensiva
de tódolos recursos naturais (minería e agricultura).
As especiais condicións climáticas e do chan de
A Pobra, xunto coas súas riquezas mineiras, en especial
de ouro, enche de castros o seu solar, con 15 catalogados nestes
momentos. Destes castros galaico-romanos (de nova construcción)
uns poucos adicábanse á agricultura, e os máis
ò aloxamento do persoal que traballaba nas minas de ouro,
xa dun xeito “industrial”. Nuns castros, nos máis
pertos ás minas, vivirían os mineiros; noutros
os encargados de reparar as presas e caldeiras que traían
a auga ás explotacións. Noutros os soldados, administradores,
fundidores....e os artesáns que reparaban e construían
as ferramentas necesarias. Testemuñas da importancia
da riqueza mineira do ouro na Pobra do Brollón (tanto
de xacementos primarios como secundarios) encóntranse
espalladas por toda a superficie do Concello; dende a Ribeira
do Sil a Oútara, dende a montaña ó val.
Son exemplos desta riqueza, e da importancia das explotacións,
a mina explotada polo sistema de peites dos Medos, e a de ruina
montium de A Lama.
A presencia dos godos (suevos), está
referenciada pola existencia duns poucos topónimos, como
son os de Esmoriz, Tudriz, Domiz, Recimunde, Guariz; todos eles
preto de castros galaico-romanos. As fontes historiográficas
antigas din que os godos vivían nas alturas (nos castros
abandoados), por medo os galaico-romanos que ocupaban a metade
de Galicia, e que estaban a rifar de cotío con eles.
Cos godos, princípiase unha época de illamento
en Galicia, da que pouco se sabe hoxe por falta de documentación,
e que vai perdurar ata o remate da Alta Idade Media.
A partires do século IX, nos documentos de doazóns e de foros dos mosteiros de Samos, San Vicente do Pino, Ferreira de Pantón, Meira, Oseira, Montederramo, Celanova...escomenzan a ser citadas as igrexas e lugares de Terras de Brollón.
Lugares como Salcedo, Cereixa, Barxa do Lor, Brollón, Ferreiros, Ferreirúa, Lamaigrexa, Domiz, Saa, Castrosante, Liñares, Martull, Canedo... xa aparecen neses documentos, o cal fai supoñer que estaban poboados dende moito antes, posiblemente dende as repoboacións do bispo Odoário e a súa familia (século VIII). Houbo dous mosteiros de moi corta vida: un en Vilacha, e o outro en Ferreiros. As xentes adicábanse o cultivo do centeo, viñedo e a horticultura. Criaban ovellas, cabras, pitas e coellos. O mais do terreo estaba a monte. En aldeas como Ferreiros e Ferreirúa, como así o di o seu nome, había ferreiros, mineiros e carboeiros adicados á fabricación de ferraduras, cravos e algunha ferramenta para o agro.
A inseguridade social foi abondosa durante
estes tempos, como o demostra a existencia de torres e recintos
de vixilancia, dos que soio queda o nome: Castrobon (A Ferreirúa),
Castrelado Pequeno (Liñares), Castrelín (Parada
dos Montes).
A partires de finais do século XIII, xunto os lugares anteriores, escomenza a aparecer nos documentos un novo, Puebla do Brollón o Puebla de San Pedro. Parece ser que foi o Rei de Castela Sancho IV, quen outorgou o documento fundacional (sobre un vello castro mineiro) do lugar, a carta-puebla; e que o seu herdeiro, Fernando IV ratificou. Neste documento contíñanse os repartos de terras, deberes e dereitos que se lles concedía ós poboadores da A Pobra do Brollón e das súas doce aldeas; e un dereito moi importante, como era o de depender directamente do propio rei. A repoboación propiciada pola citada carta-puebla foi un éxito demográfico e económico, como se demostra polas rendas anuais que tiñan que pagar, e que a partires de entonces A Pobra do Brollón aparecese en documentacións e mapas. A este desenvolvemento económico non debeu ser allea a súa situación estratéxica no obrigado paso de xentes e mercadorías, que querían entrar ou saír de Galicia polo camiño natural do val do río Sil. A presencia das ordes Hospitalarias e de Santiago nas Terras de Brollón así o confirman.
O 30 de xullo de 1477, o rei Fernando o Católico,
en un documento datado en Medina del Campo, cédelle a
don Pedro Álvarez de Osorio (primeiro Conde de Lemos),
tódolos dereitos e rendas (ascendían a máis
de 20.000 maravedíes) que a coroa tiña na Pobra
do Brollón; rematan así as liortas que a nobreza
viña tendo pola posesión das Terras do Brollón,
e que comezaran o 23 de agosto de 1424, cando don Fadrique,
señor de Monforte, anexionouna a Monforte xunto coas
súas doce aldeas. Sen lugar a dúbida, ser un pobo
de homes dependentes do rei ou dos seus administradores, un
pobo de homes libres da xurisdicción de nobres e da igrexa,
un pobo de homes ceibes defensores dos seus dereitos, motivou
a participación de María Castaña, do Coto
de Cereixa, nas sublevacións do pobo de Lugo contra os
abusos do bispo da cidade (en torno ò 1382), e ,que pasados
uns anos, todo o pobo de A Pobra do Brollón o fixera
contra os atropelos e pagos das rendas reais ó Conde
de Lemos ( ¿don Pedro Alvarez de Osorio?), na coñecida
como revolta dos Guímaros, feito que a tradición
popular conservou ata hoxe.
A partires do século XV, a pesares
das reformas da administración propiciadas polos Reis
Católicos e os seus descendentes como soberanos de todo
o Estado, as Terras de Brollón continuaron vinculadas
á Casa de Lemos, ata as reformas administrativas do século
XIX. A súa economía centrábase na agricultura
(centeo e viño), gandería e a explotación
das minas de ferro, principalmente a Cova das Choias e a Veneira
de Roques, (que chegou a ter 37 mineiros) que procuraban de
mineral a tódalas ferrerías do contorno, incluídas
as tres do termo: Ferrería de Biduedo, Ferrería
da Barxa do Lor e a Ferrería de Loureiro.
A chegada do millo e a da pataca, a finais
do século XVIII, contribuíu a un importantísimo
crecemento demográfico, o que obrigou a poñer
en explotación terras baldeiras ata entón e a
construcción de novos pobos. A finais do século
XIX, as viñas sufriron a peste da filoxera que obrigou
a abandoar o seu cultivo ata ven entrado o século pasado.